Páxinas

luns, 28 de setembro de 2020

A alegría de enfrontar obstáculos e fracasar

Con frecuencia teño oído que vivimos nunha sociedade onde se procura a gratificación inmediata e o éxito fácil e rápido. Como docente, observo pouca tolerancia ao fracaso por parte dos estudantes, e poucas ganas de volvelo a intentar cando algo non sae ben á primeira. Porén vale a pena fracasar e aprender da experiencia, pero hoxe non vou facer o consabido eloxio do fracaso nin das 999 maneiras como non se fai unha lámpada, hoxe voulle dar outro enfoque e falareivos de como ás veces algunhas persoas quedan bloqueadas non polo fracaso senón polo éxito.
Na industria discográfica é frecuente o concepto de “artista dun só éxito” que co tempo acabou aplicándose a outros campos creativos como a literatura; chamamos "escritor dun só éxito" ao novelista cunha soa obra publicada moi famosa. Non responden a un único modelo de autor: poden ser profesionais doutras disciplinas cunha moi boa obra publicada, escritores doutros xéneros que escribiron unha boa novela, clásicos dos que só unha gran obra sobreviviu ao tempo, autores dunha gran novela que eclipsou o resto da súa produción, e o caso máis terrible de todos: debutantes cuxo éxito inicial os sobrepasou e deixaron de escribir. 
Un dos autores máis citados en todas as listas dun só éxito é J. D. Salinger. Publicou O vixía no centeo (1951) e converteuse, case ao instante, nun clásico da literatura norteamericana. Foi a súa única novela publicada, o resto da súa produción fórmano narracións breves. O escritor, angustiado polo éxito, viviu recluído boa parte da súa vida e deixou un testamento cargado de instrucións para dificultar a difusión da súa obra. 
O seu silencio é moi parecido ao de Harper Lee, autora dunha única novela, Matar un reiseñor (1960), cuxo gran impacto, especialmente trala súa adaptación ao cine, a abrumou de tal xeito que non volveu publicar ningún libro. 
Margaret Mitchell tamén é famosa por unha única novela:  Foise co vento. Escribira antes outras dúas obras non publicadas, e tras aquel éxito monumental non escribiu máis. Este drama romántico situado en plena guerra de secesión é un dos libros máis vendidos de todos os tempos. Publicado en 1936, gañou o premio Pulitzer ao ano seguinte, e para finais de 1938 xa vendera máis dun millón de copias (e iso que a película non saíu ata 1939, momento en que a historia xa se converteu nun mito da cultura popular). 
O francés Raymond Radiguet é un exemplo da maldición da primeira gran obra. Morreu en 1923, con só 20 anos e unha novela espectacular publicada aquel mesmo ano, O demo no corpo. A segunda apareceu logo da súa morte. 
Máis dramático aínda é o caso de John Kennedy Toole, quen se suicidou en 1969, frustrado tras ser incapaz de publicar a súa novela. Dez anos despois, e grazas á insistencia da súa nai, A conxura dos necios non só se publicaría, senón que tamén gañaría un premio Pulitzer e vendería máis de millón e medio de copias. 
Memorias dunha geisha é outro besteller mundial con millóns de copias vendidas e unha exitosa adaptación cinematográfica. Arthur Golden, o autor, desde a súa publicación en 1997 foi incapaz de enfrontarse ao lanzamento dunha segunda novela, confesa que se angustia ante a idea de escribir de novo e enfrontar comparacións. 
O doutor Zhivago (1957) é a única novela de Boris Pasternak, aclamado poeta e Premio Nobel de Literatura en 1958. 
Tamén foi esencialmente poeta Emily Brontë, aínda que debe a súa fama mundial á súa única novela, Cumes borrascosos (1847), todo un clásico da literatura, levada ao cine en incontables ocasións. 
Oscar Wilde asinou a famosísima O retrato de Dorian Grey (1890), pero sempre destacou, sobre todo, pola súa obra dramática e os epigramas onde mostra unha agudeza e un enxeño proverbiais. 
Frankenstein non é a única novela de Mary Shelley, quen ten outras novelas e escritos doutros xéneros, pero foi esta a que lle conseguiu a fama eterna. 
O aristócrata Giuseppe Tomasi de Lampedusa dedicábase á lectura compulsiva, a meditación e a escritura. Deixou unha única e fascinante novela, O gatopardo, que Luchino Visconti adaptou ao cine. 
O perfume, de Patrick Süskind, é un gran éxito de vendas e criticas, e aínda que o autor escribiu máis traballos ningún igualou a esta extraordinaria novela. A vida da india Arundhati Roy tamén estivo marcada por unha primeira novela que se converteu nun bestseller mundial. O deus das pequenas cousas obtivo o premio Booker en 1997 e leva vendidas máis de seis millóns de copias en todo o mundo. Tras aquel éxito inesperado, ela aproveitou o tirón da fama para dedicarse ao activismo político e social.  
Antoine de Saint-Exupéry non era escritor senón piloto, a súa paixón era voar e só escribía como terapia. O principiño foi unha novela realmente terapéutica para varias xeracións.




Celebra a vida, goza dos teus fracasos e dos teus éxitos por igual, e se te caes sete veces xa sabes: érguete oito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario