Páxinas

luns, 15 de xuño de 2020

O que aprendes depende de ti

Nos tempos que corren moita xente se pregunta como poden aprender os estudantes pechados nas súas casas, sen poder ir a clase. É bo saber que cando alguén ten o propósito de aprender e se dedica a facelo con toda a súa intención, pode conseguilo, por moito que as circunstancias parezan ir en contra.

Lembra que a perseverancia é favorábel. Lembra que é a túa intención de aprender a que che fai avanzar. Cando teñas medo de non estar estudando o que realmente necesitas ou co mestre adecuado, lembra o conto de Gonsuké, escrito polo autor xaponés Ryunosuke Agutagawa (1892-1927) que di así:

Un home, un mozo de aldea a quen chamaremos Gonsuké, chegou unha vez á cidade de Osaka e viu unha axencia que tiña na porta un cartel: "COLOCACIÓNS PARA CALQUERA TRABALLO" así que entrou e dirixiuse alegremente a un empregado:
- Por favor, señor empregado, eu desexaría ser un sennin. Sería tan amábel de atoparme unha familia que me tome ao seu servizo e me ensine o segredo dos sennin mentres traballo para eles?
Un sennin é un iluminado, que acadou a inmortalidade e ten poderes máxicos, entre outras cousas. O empregado quedou tan abraiado que non soubo responder, pero Gonsuké insistiulle tanto que ao final houbo de responderlle o mellor que soubo que non tiña esa clase de traballo para el.
- Xa, xa, señor, vaia, pois iso non é moi correcto. Seica non di o cartel COLOCACIÓNS PARA CALQUERA TRABALLO? Posto que promete calquera traballo, vostede debe conseguir calquera traballo que lle pidamos. Vostede está mentindo intencionadamente se non cumpre!
Como o enfado de Gonsuké ía en aumento e estaba espantando aos demais clientes da axencia, o pobre empregado prometeulle axudalo e pediulle que voltase ao día seguinte. Por suposto, non sabía de ningunha casa onde puidesen ensinar aos criados os segredos para ser un sennin. De modo que ao desfacerse do visitante, o empregado acudiu á casa dun médico amigo para pedirlle consello.
-Doutor, que farei? Que familia cre vostede que podería facer deste mozo un sennin?
Aparentemente a pregunta desconcertou ao doutor. Pero a muller do doutor, que era unha vella moi astuta, contestou por el:
- Nada mais simple. Mándeo para acá. Nós farémolo sennin.
- Parécelle, señora? Sería marabilloso! Non sei como agradecerllo. Pero xa me parecía a min que algo de relación debía de haber entre un doutor e un sennin.
Cando o empregado marchou, agradecido e aliviado, o doutor reprochoulle á muller a súa mentira.
- E que farás cando o tipo comece a queixarse de que non lle ensinamos nada sobre os sennin?
A muller, lonxe de pedirlle perdón, revolveuse:
-Estúpido! Mellor non te metas. Neste mundo de comer ou ser comidos, un pobre idiota coma ti apenas saca para sobrevivir.
Esta frase fixo calar ao home.
Á mañá seguinte o empregado levou ao seu rústico cliente á casa do doutor, quen tiña gran curiosidade por coñecer ao aspirante a sennin pero viu que non era máis que un aldeán calquera.
-Dixéronme que vostede desexa ser un sennin, e eu teño moita curiosidade por saber quen lle meteu esa idea na cabeza- preguntou.
-Ben, señor, non hai moito que dicir -replicou Gonzuké-: cando vin por primeira vez a esta gran cidade e mirei o gran castelo, pensei que ata o noso gran gobernante Tayko, que alí vive, debe morrer algún día, que pode vivir suntuosamente pero aínda así volverá ao po como o resto de nós. En resumidas contas, que toda a nosa vida é un soño pasaxeiro.
-E logo - interrompeu a vella raposeira - farías calquera cousa con tal de ser un sennin?
-Si, señora, calquera cousa.
-Moi ben. Entón vivirás aquí e traballarás durante vinte anos a partir de hoxe e, ao termo do prazo, serás o feliz posuidor do segredo.
-É verdade señora? Quedareille moi agradecido.
-Pero -engadiu ela- durante vinte anos non recibirás nin unha moeda de soldo. De acordo?
-Si, señora. Grazas señora. Estou de acordo en todo.
Así empezaron a transcorrer os vinte anos que pasou Gonzuké ao servizo do doutor. Gonzuké carrexaba auga do pozo, cortaba leña, preparaba as comidas, fregaba e varría, e tamén seguía ao doutor nas súas visitas, cargando nas súas costas todo o botiquín. En verdade, en todo o Xapón non se atopou mellor servidor por menos soldo.
Pero o tempo pasa e finalmente un día Gonzuké presentouse ante os donos da casa, expresoulles o seu agradecemento por todas as bondades recibidas durante os pasados vinte anos, e dixo:
-E agora queren vostedes ensinarme hoxe como se chega a sennin e se acada a mocidade eterna e a inmortalidade?
O doutor morría de vergoña, pois como dicirlle despois de vinte anos que nada sabía do que lle preguntaba? Entón a muller falou:
- Vale, ensinareicho, pero deberás facer todo o que eu che diga, por difícil que che pareza. Doutro xeito, nunca poderás ser un sennin, e ademais terías que traballar para nós outros vinte anos sen paga, ou se non Deus Todopoderoso destruirate no acto.
-Moi ben señora, farei calquera cousa por difícil que sexa -respondeu Gonzuké moi contento.
-Ben -dixo ela-, entón sube a ese piñeiro do xardín.
A vella raposeira quería mandarlle calquera tarefa imposíbel de cumprir para asegurarse os seus servizos gratis por outros vinte anos. Con todo, ao oír a orde, Gonzuké subiu á árbore sen vacilar.
-Mais alto-berráballe ela-, ata a cima!
Ela erguía o pescozo para ver ao seu mellor servidor sobre a árbore, entre as ramas mais altas do piñeiro máis alto.
-Agora solta a man dereita.
Gonzuké aferrouse ao piñeiro o máis que puido coa man esquerda e cautelosamente deixou libre a dereita.
-Solta tamén a man esquerda!
- Ai, muller - dixo o marido -. Ti sabes que se solta a rama, caerá ao chan. Alá abaixo hai unha gran pedra e tan seguro como que son doutor, será home morto.
-Neste momento non quero consellos, déixame en paz. Hei, ti! Solta a man esquerda! Óesme?
Gonzuké levantou a vacilante man esquerda. Sen mans, como podería manterse sobre a árbore? O doutor e a súa muller contiñan a respiración, Gonzuké desprendeuse da ponla e caeu... e logo...e logo... Pero que é iso? Gonzuké detívose! Detívose! No medio do aire! En vez de caer quedou alá arriba, en plena luz do mediodía, suspendido no aire.
-Estoulles agradecido aos dous, desde o máis profundo do meu corazón.Vostedes fixéronme un sennin -dixo desde o alto.
Vírono facerlles unha respectuosa reverencia e logo comezou a subir máis alto, dando leves  pasos no ceo azul, ata transformarse nun puntiño e desaparecer entre as nubes ...

Ningún comentario:

Publicar un comentario